Thursday 18 de April de 2024

A Xunta destaca o carácter dinámico e moderno da Semana Verde, o maior certame multisectorial do noroeste penisular


O vicepresidente, Alfonso Rueda, e a conselleira do Medio Rural Ángeles Vázquez, inauguraron hoxe a XXXIX Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira do Medio Rural Ángeles Vázquez, inauguraron hoxe a XXXIX Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia. No acto tamén estiveron presentes o o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e o alcalde de Silleda, Manuel Cuíña.

Rueda destacou que se trata dunha feira dinámica e moderna, que revalida ano tras ano a súa condición de maior certame multisectorial de mostras e ocio do noroeste peninsular. De feito, a actual edición conta con case 600 expositores e máis de 170 actividades distintas orientadas a todos os públicos.

O éxito da boa saúdo da feira radica no esforzo conxunto de todas as persoas relacionadas con ela, desde os traballadores ás tres administracións con implicación directa: Concello de Silleda, Deputación de Pontevedra e Xunta, que participa desde varios ámbitos, como o turismo, enerxía e innovación ou o sector agropecuario.

Todo ese traballo ten permitido que, despois de anos moi difíciles, a Semana Verde afronte unha nova etapa de recuperación e consolidación, caracterizada polo seu carácter gratuíto e aberto a todos, desde os profesionais que buscan negocio ao público xeral que atopará unha variada oferta de ocio.

O obxectivo da Fundación Semana Verde é seguir nesa senda, sumando ás feiras clásicas novos certames, novas oportunidades e novos públicos. Para iso é necesario que todas as administracións manteñan os seus compromisos e permitan que a Semana Verde siga avanzando e mantendo viva unha referencia para Silleda e para toda a súa comarca.

Recursos zooxenéticos autóctonos
Pola súa banda, a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, destacou a colaboración entre a Xunta e a Fundación Semana Verde para a promoción dos recursos zooxenéticos autóctonos de Galicia. Unha cooperación que, lembrou, ponse de manifesto a través dun convenio que ven de aprobar o Consello do Goberno galego para este fin, cunha achega de 640.000 euros ata 2019, cofinanciada polo Feader, no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

A titular de Medio Rural explicou que grazas a este convenio organizaranse diferentes actividades no seo da Semana Verde con participación das razas autóctonas, tales como feiras sectoriais, concursos morfolóxicos así como certames monográficos de carácter profesional e conferencias, xornadas técnicas e cursos para a promoción do gando autóctono galego.

Ángeles Vázquez salientou ademais a relevancia da Semana Verde de Galicia como certame de referencia no agro galego. Neste sentido, puxo en valor as cifras desta edición número 39 da feira, con 78.000 metros cadrados de superficie utilizada, 590 entidades participantes e máis de 170 actividades propostas.